Manuel Lago PeñasSumar
Diputado
«Bo día. As miñas primeiras palabras son de solidariedade co pobo irmán de Venezuela neste día de enorme dolor. Na década dos 50 e dos 60, ducias de miles de galegos e galegas emigraron a ese país fuxindo da miseria económica e moral do franquismo. E ese país, Venezuela, os acolleu fraternalmente. Votar a favor desta proposición de lei é dar a resposta correcta a unha demanda xeneralizada da sociedade galega. Ata en cinco ocasións o Parlamento de Galicia votou por unanimidade a transferencia da titularidade e as competencias sobre a autoestrada do Atlántico. Hoxe, ese anhelo do pobo galego pode facerse realidade. É unha proposición de lei que garante a correcta transferencia da titularidade da principal vía de articulación por estrada de Galicia e faino cumprindo todos os requisitos. En primeiro lugar, respectando o autogoberno de Galicia, porque será a Comisión mixta de transferencias entre a Administración Xeral do Estado e a Xunta de Galicia a que pacte as condicións da mesma. En segundo lugar, a Administración Xeral do Estado seguirá asumindo as consecuencias das decisións tomadas ata o momento da transferencia e do custo económico de todas as medidas adoptadas, entre elas, señorías, os 3400 millóns de euros que ten comprometido o Estado para a bonificación de peaxes ata o ano 2048. En terceiro lugar, a Xunta de Galicia só asumirá os custos que se xeren polas decisións que tome o Goberno galego unha vez asumida a competencia. Loxicamente, estamos polo tanto, ante unha proposición de Lei clara e transparente. A Administración xeral do Estado asume todas as responsabilidades ata o momento da transferencia e a Xunta de Galicia as empeza a asumir cando sexa a titular efectiva da mesma.»
Fragmento 1 de 7 de esta intervención.