Manuel Lago PeñasSumar
Diputado
«Un pouco de historia. O 17 de agosto de 1973, o ditador Franco firmaba no Pazo de Meirás o decreto co que Audasa iniciou a súa actividade, outorgándolle un período de concesión para a explotación da autopista de 39 anos, isto é, ata 2012. Para que se entenda ben, xa hai 14 anos que debería haber terminado a concesión e, polo tanto, as peaxes da AP9. Non foi así polas diferentes prórrogas do período concesional. A última, a máis grave, foi perpetrada por un goberno presidido por Aznar, que decidiu prolongar a concesión 25 anos máis ata o ano 2048. Vou atreverme a dicilo aquí, unha decisión considerada ilegal pola Comisión Europea, un pelotazo privatizador, que debería pasar por un xulgado se non fora porque o presunto delito xa está prescrito. É unha historia dun espolio interminable, 75 anos de explotación privada da principal vía de articulación de Galicia. Utilizando as contas públicas da empresa dende este ano ata o ano 2028, a empresa vai ingresar 9561 millóns de euros en peaxes. Non me trabuquei coa cifra, 10 000 millóns de euros en peaxes, que é unha enorme transferencia de rendas da cidadanía que sae dos petos da xente para engrosar os beneficios dos fondos de investimento holandeses, británicos ou canadenses. 10 000 millóns de euros que soportarán os usuarios, pero tamén toda a cidadanía, porque o Estado ten comprometidos 3400 millóns de euros de diñeiro público para pagarlle á empresa ata o ano 2048. É un escándalo, negocio privado soportado por recursos públicos.»
Fragmento 3 de 7 de esta intervención.