Manuel Lago PeñasSumar
Diputado
«Boa tarde. O que hoxe debatemos aquí é a transferencia dunha competencia, pero para o meu grupo, para SUMAR, a única solución é recuperar para o público a autopista do Atlántico. Eu vou explicar por que. Porque é absurdo que ir e volver de Ferrol a Tui pola autoestrada do Atlántico custe 56 euros, dos que a persoa usuaria paga 28 euros e os outros 28 euros os pagamos todos, porque os subvenciona o Estado. Unha peaxe abusiva por exercer o dereito á mobilidade, pero é aínda máis absurdo se se ten en conta que facer os 600 quilómetros de Madrid, ou de Coruña a Madrid é practicamente sen peaxes. Que modelo de articulación territorial é ese? É absurdo que o principal eixe de transporte por estrada de Galicia estea en mans dunha empresa estranxeira propiedade de fondos de investimento, domiciliados casualmente nos Países Baixos e en Luxemburgo. É absurdo que a empresa que explota a concesión da autoestrada do Atlántico vaia ingresar, ingrese, perdón, 230 millóns de euros en peaxes e que obteña un EBITDA de 190 millóns de euros. Estamos falando dunha rendibilidade sobre ingresos do 82 % algo inusitado, inaudito nunha economía de mercado. Pero aínda é máis inaceptable que a empresa destine o 100 % dos beneficios a pagar dividendos aos seus accionistas, a estes fondos de investimento domiciliados en nos Países Baixos e en Luxemburgo. É absurdo que unha parte, unha gran parte destes beneficios dos fondos de investimento estranxeiros sexan a costa dos recursos públicos do noso país, porque no ano 2025, o Estado entregoulle -atención- 85 millóns de euros a esta empresa privada para bonificar as peaxes. É absurdo que unha concesión que tiña como data de finalización o ano 2012 se estenda ata o ano 2048, en boa medida pola decisión de Aznar de ampliar en 25 anos máis o período concesional. Cando practicamente non queden autoestradas de peaxe en España, en Galicia seguiremos pagando. É absurdo que o Ministerio de Transportes -atención a esta cifra- teña o compromiso de achegar 3800 millóns de euros en bonificacións a unha empresa privada e ata o ano 2048. E é aínda máis absurdo porque o valor de mercado de Audasa, a empresa que explota a AP9, está na contorna dos 1000 millóns de euros. O Estado vai pagar catro veces máis do que custaría mercala hoxe.»
Fragmento 1 de 5 de esta intervención.