Manuel Lago PeñasSumar
Diputado
«Para ser claros, o que hoxe estamos debatendo é a transferencia da competencia á Xunta de Galicia e iso non vai resolver ningún destes absurdos. A solución real é que a autoestrada volva a ser pública, porque xa o era, ata que Aznar privatizou no ano 2003. Iso si, tres anos despois de ampliar o período concesional durante 25 anos. Un pelotazo máis das privatizacións de Aznar que, se non fora polo tempo transcorrido, debería ser investigada. A principal demanda da sociedade galega é unha autoestrada pública e libre de peaxe e iso non se resolve coa transferencia da competencia a Galicia, pero é un paso na boa dirección que dá resposta a unha demanda histórica da sociedade galega. Por iso non se pode entender, eu non podo entender, a posición do Partido Popular. O Partido Popular leva máis de vinte anos posicionándose a favor da transferencia desta competencia -como ben recordou o deputado Rego- e hoxe opóñense a unha lei que aproba esta transferencia. Os seus argumentos son falaces. O Goberno central asume todas as consecuencias e todos os custes económicos das decisións tomadas ata o momento da transferencia. Todas as consecuencias e todos os custes económicos das decisións tomadas ata o día que a competencia estea transferida á Xunta de Galicia. Ademais, será a Xunta de Galicia na Comisión Mixta de Transferencias a que acorde os detalles concretos da mesma. Non hai trampa nin cartón. É directamente a transferencia da competencia da AP9. Utilizar a maioría do Senado para intentar impedir a transferencia é unha posición absurda do Partido Popular. Tan absurda como rexeitar a condonación de 4000 millóns de euros da débeda pública de Galicia. Tan absurda como opoñerse á modificación do modelo de financiamento autonómico que lle aportaría ao noso país máis de 500 millóns de euros anuais, ou dicir que non á senda de estabilidade como o fará hoxe mesmo. A única explicación que se me ocorre para todos estes comportamentos é a mesma, o PP utiliza a Xunta de Galicia para a confrontación co goberno central aínda que o prezo que haxa que pagar sexan os intereses de Galicia e os do pobo galego.»
Fragmento 2 de 5 de esta intervención.