Manuel Lago PeñasSumar
Diputado
«Boa tarde. Quixera que as miñas primeiras palabras nesta cámara fosen para recoñecer a emoción que teño como deputado novato de poder falar aquí, onde reside exactamente a soberanía do pobo. A industria do automóbil é o corazón da economía do sur de Galicia dende hai 50 anos. Un corazón que hoxe latexa con forza grazas aos 6400 homes e mulleres que traballan en tres turnos na planta de Stellantis de Vigo e ás 8000 persoas da industria auxiliar e de compoñentes. No ano 2023 foron quen de fabricar 531 000 vehículos; é unha cifra récord que sitúa a factoría de Balaídos coma a maior planta de produción de automóbiles de España, por encima de calquera outra marca e sendo a máis produtiva do grupo Stellantis en Europa. Dende esta fortaleza, a factoría tense que enfrontar á rápida e profunda transformación na que está inmersa a industria do automóbil. No ano 2030 non se fabricarán vehículos con motores de combustión en Europa. Stellantis está nese proceso, pero só o 10 % da súa produción do ano pasado é eléctrica; en menos de seis anos terá que ser do 100 %. As plantas industriais que non se incorporen a este proceso, ou mesmo que o fagan con retardo, desaparecerán. É un enorme desafío que nos enfronta, que nos interpela a todas as partes. En primeiro lugar, á empresa que ten que cumprir co seu compromiso de incorporar a plataforma de produción de vehículos eléctricos. Tamén ao Goberno de España, que ten que acelerar así a execución do PERTE do vehículo eléctrico e facelo de forma equilibrada entre todas as marcas, entre todos os territorios do Estado español. Tamén á Xunta de Galicia que, dende hai 43 anos, ten as competencias exclusivas en política industrial. Porén, do actual Goberno da Xunta de Galicia pouco podemos esperar. Non vou dicir que a súa política industrial sexa mala, non o podo dicir. É inexistente. E iso explica iso explica que en Galicia perderamos 40 000 empregos industriais nas últimas décadas, un de cada cinco que había cando chegou o Atila do Partido Popular ao Goberno da Xunta de Galicia. Somos a comunidade autónoma que a máis emprego industrial perdeu das 17 que conforman o Estado. O novo Goberno que vai saír das urnas o próximo día 18 terá que dar un xiro radical á política industrial para que Galicia abandone o furgón de cola.»
Fragmento 1 de 4 de esta intervención.