Datos INE

29N · faltan 25 días

Manuel Lago PeñasSumar

Diputado

«Benvidos e benvida, deputados do Parlamento de Galicia. Votaremos a favor da proposición de lei que nos presenta hoxe o Parlamento de Galicia. Farémolo porque é unha proposta unánime que vén do lugar onde reside a soberanía do pobo galego e iso debe ser sempre respectado. Tamén porque SUMAR comparte plenamente a necesidade de transferir a competencia sobre a autoestrada do Atlántico á Xunta de Galicia. Por ámbalas dúas razóns votaremos a favor. Con todo, consideramos que a simple transferencia da competencia é unha medida necesaria, pero claramente insuficiente para resolver a grave distorsión que supón que a principal arteria de comunicación de Galicia sexa explotada por unha empresa privada, empresa privada que, á súa vez, é propiedade de fondos de investimento holandeses, británicos e canadenses. O principal problema que se deriva da explotación privada da autoestrada son as peaxes abusivas que hai que pagar polo seu uso. A transferencia da competencia é necesaria, pero é insuficiente para abordar este grave problema. En primeiro lugar, como xa dixeron a deputada e os deputados do Parlamento de Galicia, porque a explotación da AP-9 se vai estender aínda durante 24 anos máis, ata chegar ó 2048. É un escándalo. Unha discriminación inaceptable para Galicia, porque todas as autoestradas de primeira xeración terminan ou terminaron o seu período concesional antes do 2026, mentres que a autoestrada galega seguirá cobrando peaxes ata o 2048. Vou poñer un exemplo: cando xa teñan pasados 31 anos dende que a autoestrada AP-1 Vitoria-Burgos volvera ser pública e gratuíta, en Galicia, 31 anos despois, seguiremos pagando peaxes.»

Fragmento 1 de 7 de esta intervención.

¿Algo mal atribuido o clasificado? Envía una corrección.